jueves, 15 de diciembre de 2016

A longa liña da vida

Agora que sabemos un pouco de como foron aparecendo os distintos seres vivos sobre o noso planeta, a profe Irene invitounos a unha nova sesión sobre o tema.
Esta vez non tivemos plantas, nin corais, nin insectos, nin dinosauros, nin mamíferos...só unha cinta negra. Moi, moi longa. Medía máis de 40 metros!
https://goo.gl/photos/TXTo8qzqdZZUrd5B9

Estiramos a liña, e estivemos xogando a situarnos no lugar da mesma onde creíamos que se tiñan producido os distintos eventos: o Big Bang, a aparición das primeiras bacterias, das plantas, dos peixes...
E sabedes que?? Certamos case sempre! Situámonos moi ben.
Ao final Irene pediunos que nos situásemos onde nos parecía que apareceran os seres humanos sobre a Terra. E fomos sen dubidalo cara o final da cinta.
Ela explicounos que o tempo que leva a nosa especie sobre a Terra sería só o último centímetro. Case nada, comparado con todo o tempo desde que se produciu o Big Bang.
Logo, estivemos reflexionando sobre a nosa responsabilidade de coidar o planeta e a vida que hai sobre el. Nós, que temos a sorte de ter un cerebro bastante evolucionado, que somos quen de pensar e ver as consecuencias dos nosos actos, temos tamén a obriga de coidar todo o que nos rodea.
Procuraremos facelo!

domingo, 11 de diciembre de 2016

De onde vén todo? (2)

Cando unha historia queda a medias, estamos impacientes por saber como continuará.
Iso nos pasaba con respecto ao que nos contara Irene, acerca da orixe das cousas.
Así que a semana pasada volvemos a ter unha sesión con ela, para que seguise contándonos a historia de como se orixinou a vida no noso planeta, e como foron aparecendo as distintas especies.


https://goo.gl/photos/RyXBq8vPV3rCZzms9

Despois da explicación, estivemos xogando co material. Que escoitando apréndese, pero tocando apréndese aínda máis.
Irene deixounos no corredor todas as tarxetas explicativas e as caixas dos seres vivos aparecidos nos distintos períodos da historia do noso planeta. Así, podemos saír de cando en vez alí, e volver a traballar sobre o tema.
Grazas de novo, Irene!

viernes, 25 de noviembre de 2016

De onde vén todo?

A semana pasada, estivemos escollendo un tema para empezar un novo proxecto.
As propostas que había eran: que cousas rompen a capa de ozono, como se fan os ladrillos, a Prehistoria, a auga, os animais, os músculos do noso corpo.
Despois de votar, saíu escollido o tema da Prehistoria. Pero a verdade é que non queremos só saber cousas sobre as persoas da Prehistoria.
Sobre todo, sobre todo, queremos saber de onde vén todo. De onde veñen as persoas, e o planeta Terra, e o Sol, e a auga, e...todo!
Sabemos que desde as distintas relixións e culturas hai propostas para explicar esa incógnita. Pero no cole estamos para aprender explicacións científicas, así que imos investigar sobre iso.
A profe Irene, que ten unha aula chea de cousas de Ciencias, ofreceuse a axudarnos. Así que fomos á súa clase, para que nos contase o que ela sabe acerca do orixe das cousas.
Así, entre explicacións e experimentos, falounos da Gran Explosión (Big Bang) e da aparición das estrelas. Que son tantas, que perderíamos a conta se quixésemos contalas, como nos pasa cando intentamos contar a area que cae nunha cunca.
Tamén nos falou do Sistema Solar, e de como se formou o planeta Terra. Soubemos que ao principio estaba moi quente e moi seco, e o seu interior estaba tan pero tan quente, que acabou por botar materia para fóra, por medio de numerosos volcáns. E aproveitamos para facer de novo o experimento dos volcáns, que tanto nos gustara o curso pasado.
https://goo.gl/photos/iWRuSzX6GcR5V6XR6

Vimos a diferencia entre corpos sólidos, líquidos e gaseosos. 
Fixémonos un montón de preguntas: "O Sol apágase de noite?", "De onde saen os raios do Sol?" "Como se aguantan os planetas no espacio?"
E aí nos quedamos, agardando que o vindeiro día que vaiamos á súa clase nos explique como en ese planeta chamado Terra apareceron os primeiros seres vivos.
Vós que pensades?
Eu penso que toca investigar un montón!

jueves, 24 de noviembre de 2016

Rompendo cremalleiras: música contra o ruído do silencio

Esta temporada estamos, como sabedes, levando a cabo distintas accións no cole para visibilizar o problema da violencia machista.
Este ano escolleuse como elemento simbólico a cremalleira. A cremalleira simboliza o silencio que tantas veces hai arredor da violencia.

https://goo.gl/photos/qHJ54oPDFqHxePvm6
Este marabilloso concerto que tivo lugar o martes, a cargo de Michelle, a irmá de Yamila e Iron, quere ser música que rompa esas cremalleiras.
Música contra o enxordecedor ruído do silencio.
Grazas, Michelle, polo regalo que nos fixeches coa túa música.

miércoles, 23 de noviembre de 2016

Compartindo saberes

De todas as cousas boas que ten saber algo, unha das mellores é poder compartilo con outras persoas.
Por iso, agora que xa sabemos moi ben como se fai o biscoito de chocolate, decidimos compartilo co grupo de 4º B.
Fomos á súa clase, e fixemos...non un! senón dous biscoitos.
https://goo.gl/photos/6cUhZhgfj751uAkS8

Alí fomos, por un día, profes de cociña. 
Claro que saíron ben! Dubidábalo?

domingo, 13 de noviembre de 2016

Taumatropo

 Sabedes o que é un taumatropo? Que palabro, verdade?
Pois é un xoguete formado por un disco con dúas imaxes diferentes en cada lado.
Para xirar o disco, pódese utilizar un anaco de corda amarrado a cada extremo, ou un pau fino e longo (como os das brochetas).
Ao xiralo rapidamente, produce a impresión óptica de que ambas imaxes están xuntas.
Así, se debuxas unha gaiola por un lado e un paxaro no outro, ao xirar ves o paxaro metido na gaiola. Isto é porque cada imaxe permanece na retina durante un breve lapso de tempo, e ao aparecer a outra de xeito inmediato, superpóñense.
O invento do taumatropo atribúese a John Ayrton.
Aquí vos queda unha imaxe que pode servir para facer un taumatropo, por se vos animades a repetilo na casa.
https://goo.gl/photos/5NgKckEou9uCzZJS8

Pinchade nela, e veredes fotos de cando nós o intentamos na clase.


viernes, 11 de noviembre de 2016

Experimento sobre a conservación dos alimentos

Despois dalgún tempo traballando na cociña e sobre o tema dos alimentos, hai unha pregunta que nos ronda a cabeza: canto tempo se conservan os alimentos? Que pasa se os deixamos fóra da neveira, sen utilizar ningunha técnica de conservación?
Para comprobalo, realizamos un experimento. Collemos varios alimentos: iogur, queixo, un anaco de mazá, un anaco de tomate, un anaco de pan, e garavanzos.
Antes de nada, fixemos as nosas hipóteses sobre o que pasaría con cada un deles. Podrecerían? Que aspecto collerían? Aparecerían bichos? Poñeríanse negros? Ulirían mal? Secarían? Cadaquén fixo as súas propostas e escolleu o que lle parecía que pasaría con cada alimento.
https://goo.gl/photos/zQnqp9Xfj1yNbHbE7

Logo, nas seguintes dúas semanas, fomos comprobando e anotando no noso cadro de observacións.
O tomate, enseguida empezou a coller mal aspecto: púxose moi brando, encheuse de líquido, colleu manchas negras, e un cheiro nauseabundo. Tivemos que tiralo! O iogur encheuse de mofo, así que aproveitamos para ver unha curta sobre o que era o mofo e como se reproducía. A mazá e o queixo tardaron bastante máis en estragarse. O pan púxose duro coma un croio. E os garavanzos quedaron intactos!
Por que? A profe explicounos que era porque foran sometidos a un proceso de secado. Cando os alimentos están ben secos, consérvanse moito mellor, xa que o mofo, para aparecer e reproducirse, precisa ter humidade e unha temperatura tirando a quente.
Aproveitamos para falar sobre métodos para conservar os alimentos.
Xa sabemos que, canto máis secos e con temperatura fresca, mellor!

martes, 8 de noviembre de 2016

O MEDO

Unha noite de Halloween nun castelo de moito medo con moitos fantasmas e arañas e tronos e as luces  se acendian e apagaban soas, ese castelo é terrorífico. Vén  unha rapaciña  chamada Alba Martinez Cameán  e dábanlle medo moitas cousas  como o morcego, e a rapaciña mordeulle un morcego no pescozo e converteuse en vampiresa.
Desde entón puxo  a  vida en perigo e  colleu todos os morcegos para dominar  todo o mundo  e  todo o universo e o mais aló desde enton. Houbo espandida por todo o universo de morcegos e vampiresas. A vampiresa  xefa deuse de conta de que estaba  facendo todo mal  e  comverteuse en Alba Martinez Camean. E mandou parar aos morcegos e tuvo unha vida mellor.
    
                                                                                                    
AS CHICAS QUE FIXERON ESTE CONTO SON
                                                                                   
        E
Sabela Gude Pena


Nerea Tomé Regueira    
A PROTAGONISTA E  Alba  Martinez Camean                                                                     
 FIN

Biscoito de chocolate

Esta foi a última receita que fixemos: biscoito de iogur con chocolate.
Como sempre, primeiro lemos con moita atención a receita: os ingredientes e o modo de preparación.
E despois planificamos: que utensilios imos precisar? Fixemos entre todo o grupo unha lista, revisando a receita para non esquecer nada, e a profe levouna para casa, para traer todo ao día seguinte.
https://goo.gl/photos/jKTT3GTAxNmcCyQ56

Debemos estar converténdonos en chefs de primeira categoría, porque o biscoito saíu riquísimo, e máis dunha persoa achegouse á nosa clase para ver que era iso que ulía tan ben.
E si, ulir ulía ben. Pero aínda sabía mellor!

sábado, 5 de noviembre de 2016

Cine con "palomitas"

Lembrades o millo que sementáramos o curso pasado?
Ben, pois, o pobre moito non deu, pero algunha mazaroca si que lle sacamos.
https://goo.gl/photos/dBzMdsYCR5ZjW5ZR7

Debullámolas, esperamos a que estivese o millo ben seco, e metémolo no micro, con sal e un pouco de aceite.
E fixemos unha sesión de cine con "palomitas".
As máis ricas do mundo!

lunes, 24 de octubre de 2016

Opinamos sobre o noso traballo na cociña

Gústanvos as hamburguesas? Nós fixémolas na clase. Aquí vos queda a nosa opinión sobre esta receita:
  • Gustoume ver como se  facía a hamburguesa (Valeria)
  • Gustoume  darlle  a  volta (Alvaro)
  • Non me gustou, encantoume! (Erea)
  • Gustoume partir os alimentos (Alba)
  • Gustoume  esmagar  as  pelotas  de  carne  da hamburguesa (David F. )
  • Gustoume   aplastalas  (Marta G.)
  • Gustoume  facer a  hamburguesa (Marta L)
  • A hamburguesa encantoume, e tamén me gustou  aplastala (Irene)
  • Gustoume cortar a mazá (Lucía)

  • Nunca na miña  vida  probara unha  hamburguesa tan rica (Yoni)
  • Gustoume  cortar o bacon ( David G )
  • O que mais me gustou foi cortar o tomate (Sabela)
  • A min non me gustou, encantoume (Sofía)
  • Gustoume    facer   a  hamburguesa (Nerea)
  • Gustoume   ir  de  compras (Marta P.)

miércoles, 12 de octubre de 2016

Hamburguesas con ketchup

Un dos nosos pratos favoritos son as hamburguesas, así que quixemos saber como se fan.
Como normalmente as hamburguesas tomámolas cun pouco de ketchup, probamos a facer tamén o ketchup.
Primeiro, fomos á tenda comprar as cousas. Fomos ao súper de Etelvina, que nos queda alí ao ladiño. Marisa atendeunos de marabilla, e ata nos fixo unhas fotos para que tivésemos un recordo desa pequena saída.
Primeiro, fixemos a lista da compra, mirando os ingredientes da receita que nos puxo a profe na pizarra dixital. Antes de saír, estivemos calculando canto nos custaría todo o que queríamos comprar Canto custará un quilo de tomates? E un pemento? E a mazá? E a cebola? Fixemos unha aproximación, e logo sumamos todas as cantidades. Bueno...non nos equivocamos demasiado! :-)
https://goo.gl/photos/7XCF1iUNjX5r7sVX6


Facer o ketchup é moi fácil. Ademais, agora xa sabemos perfectamente que antes de envasar calquera alimento, hai que esterilizar o recipiente, para que non se nos bote a perder en poucos días.
Ao día seguinte, fixemos as hamburguesas. Desta volta, xa a profe fixera a compra das cousas necesarias. Deunos a receita, e, despois de darlle unha primeira lectura, fomos lendo para ver que pasos tiñamos que ir dando para a elaboración das hamburguesas.

https://goo.gl/photos/iQmgRcNSykhYiH4k9

Pelar e cortar cousas é un pouco difícil. Non temos práctica, claro. Pero non foi no medio do picadillo ningún anaco de dedo. Que xa nos quedou claro que ese non era un dos ingredientes!
E cantos anacos sairán se partimos cada hamburguesa en catro? Chegará para ter cadanseu anaco? Calculamos, e non nos custou moito saber o resultado.
Agora, aínda nos queda un pouco de traballo por diante con respecto a esta receita. Temos que analizar de que grupo de alimentos son cada un dos que levaba, e que nos aporta. Temos, tamén, que analizar o tiquet de compra, ver o que gastamos en cada ingrediente, e facer a suma. Non vaia ser que Marisa se equivocase sumando! Teremos que facer unha redacción na nosa libreta. E, claro, haberá que facer outra entrada de blog coa opinión de cadaquén sobre esta receita. En breve a teredes por aquí!

lunes, 10 de octubre de 2016

Temos visita

Dentro do programa de colaboración entre familias e escola, que continuamos este curso, a semana pasada estivo con nós Manola, a nai de Sabela.
https://goo.gl/photos/58gBFjdjKvtGWHx7A

Como sabedes, estamos traballando nun proxecto de cociña. Así que Manola ofreceuse a virnos falar de que é iso dos nutrientes, que tipos hai, como os dixire o corpo...
Tamén nos falou dalgúns problemas metabólicos, como a diabetes, da que temos algún caso no colexio. Ata nos mostrou o aparello que utilizan as persoas diabéticas para medir o nivel de glucosa.
Debeulles gustar moito, porque, como ben vedes, despedírona con moito agarimo.
Agardamos ter pronto algunha outra visita de familias!

jueves, 22 de septiembre de 2016

Iogur con marmelada de amoras

Empezamos un novo curso, e queremos facelo cun sabor doce: iogur con marmelada de amoras.
Porque...sabedes? Imos traballar en torno a un proxecto de cociña.
Faremos diversas receitas, e investigaremos sobre elas, sobre os alimentos que se utilizan para facelas, sobre as propiedades dos alimentos, cales son os máis saudables, sobre os utensilios de cociña, de onde vén a enerxía para que funcione...
De entrada, a idea era empezar facendo iogur natural.
Pero como estamos en tempo de amoras, e logo se acaban, quixemos aproveitar para facer un delicioso complemento para ese iogur: marmelada de amoras.
https://goo.gl/photos/CAXsGVcGiTwVvQqc8

Para facer a marmelada, primeiro lemos a receita que nos deu a profe, e logo fomos seguindo os pasos que alí aparecían.
Tamén esterilizamos os botes onde a metemos. Todas as cousas que se usan na cociña teñen que estar moi, moi limpas. Pero os recipientes onde se almacenan os alimentos, moito máis!
Cando fixemos o iogur, fixémolo ao revés: a profe ía dicindo que había que facer, e segundo o facíamos xa o rexistrábamos por escrito na nosa libreta de investigación.
A recompensa a tanto traballo foi un delicioso iogur con marmelada.
Seguiremos cociñando!

viernes, 17 de junio de 2016

Apadriñando ao grupo de 5 anos

O luns pasado veu á nosa clase o grupo de cinco anos.
Querían saber como é iso de estar en primeiro, así que fixemos un pouco de guías.
Cada persoa da nosa clase apadriñou a un neno ou nena de 5 anos. É dicir, mostroulle a nosa clase e como traballamos nela.
Explicámoslles como traballamos nos recantos, onde facemos o faladoiro, como poñemos o calendario, onde temos todo o material co que traballamos. Levámolos á clase de inglés, e tamén lles ensinamos onde están os baños da nosa planta. E os sofás nos que lemos cando nos toca lectura no pasillo.
Ata lle explicamos o último experimento que estivemos a facer!

https://goo.gl/photos/Pr3L9MXAhytnAcQs7

Regaláronnos un xogo de sudoku e tres en raia.
Nós tamén lle tiñamos algo preparado. Como estivemos traballando papiroflexia esta temporada, fixémoslle cadanseu barquiño de papel.
Esperamos que a experiencia lles axude a ver o paso a primeiro con moita máis tranquilidade!

miércoles, 15 de junio de 2016

Experimento de flotación

No recanto de ciencias, estivemos estes días facendo un experimento sobre flotación.
Queres probar na casa? Para facer o experimento precisas:
  •  Dous ovos.
  • Sal gordo.
  • Dous vasos (nós usamos dous vasos ben grandes, para que nos fose máis fácil introducir os ovos sen que rompesen).
  • Un recipiente para medir a auga.
  • Unha culler.
O que fixemos foi encher os dous vasos ata un pouco máis da metade (300 cl). Logo, nun dos vasos puxemos tres culleradas de sal ben cheas, e remexemos ata que se disolveu ben.
Ao meter os ovos...sorpresa!! Nun dos vasos flotaba, e no outro ía para o fondo.

https://goo.gl/photos/oZgk8SgQc32UozaNA

Por que pasa iso?
Ao botar sal, aumenta a densidade da auga, o que fai que os corpos que se poñen sobre ela floten mellor.
É por iso que flotamos mellor na auga do mar que no río.
E falando diso...xa vai apetecendo un bañiño na praia! Non?

domingo, 12 de junio de 2016

Primeiros auxilios

Ordenando fotos, encontrei este álbum, do día que veu á nosa clase Manola, a nai de Sabela.
https://goo.gl/photos/76mCN78ZoiTc3Ctn7

Manola e Bautista organizaron un obradoiro sobre Primeiros Auxilios. Estiveron ensaiando con dous grupos de nenos e nenas unhas pequenas representacións relacionadas co tema, que xa levábamos algún tempo traballando, pois xa viñera Bautista en máis dunha ocasión falar del.
Foi unha iniciativa bonita e moi colaborativa, xa que os dous grupos reuníronse varias tardes nas súas respectivas casas para aprender os textos e ensaiar a representación.
Din que a porcentaxe do que recordamos, depende da maneira en que o aprendemos. Ao parecer, recordamos o 10% do que lemos, o 30% do que vemos, o 50% do que vemos e escoitamos, o 70% do que dicimos, o 90% do que dicimos e facemos.
 Parece claro, logo, que non van esquecer facilmente o traballado con Manola e Bautista...
 Non podo máis que agradecer a dispoñibilidade das familias desta titoría para participar, colaborar, achegar ideas e traballo. Así dá gusto!!!

jueves, 9 de junio de 2016

De paseo por Aguiño

Este mércores xuntámonos 1º A e 1º B e, aproveitando que o tempo acompañaba, fomos de paseo por Aguiño.
https://goo.gl/photos/CPryGe236F8g9uYH7

Estamos estudando a rúa e os sinais de tráfico, e pensamos que a mellor maneira de entender a súa utilidade era véndoos na propia rúa, e fixándonos onde e para que están.
De paso, aproveitamos para fixarnos nas cousas máis importantes de Aguiño, como a Lonxa, o estaleiro ou a Casa do Mar. Tamén vimos algunhas esculturas, nas que se homenaxean as principais profesións da nosa vila.
Observamos o nome das rúas, e vimos que algunhas teñen nomes de persoas e outras de lugares, animais, cousas... Por que lles poñerían eses nomes? Imos investigar!
Por suposto, aproveitamos para pasar un bo anaco no lugar máis importante de Aguiño...polo menos para alguén da nosa idade!!
Acertaches: o parque!

lunes, 6 de junio de 2016

Semana da diversidade

Do 29 de maio ao 3 de xuño, o noso cole encheuse de cor e movemento.
Celebramos a Semana da Diversidade, e fixémolo mesturándonos en grupos de distintas idades, e organizando obradoiros diferentes. Todos eles cheos de actividade, cor, movemento, entusiasmo.

https://goo.gl/photos/A4NoFyQG7BGT8bvR6

Déixovos as fotos do obradoiro de gimcana de xogos, no que participaron varias mamás da nosa titoría. Van tamén algunhas do noso grupo.
Gustouvos? Quen quere repetir?

Moitas grazas a tódalas mamás que nos regalaron unha parte do seu tempo, colaborando coa organización dos obradoiros!!

jueves, 26 de mayo de 2016

Obradoiro de caracois

Como ben sabedes, este ano o tema que estamos traballando desde a biblioteca do noso centro é a emigración, e  os movementos migratorios en xeral, por distintos motivos, como o exilio.
Por iso, unha das exposicións que se fixeron ao longo do curso, e que aínda está no pasillo de abaixo, é a de "Ponte nos seus zapatos", sobre as persoas refuxiadas.
https://goo.gl/photos/MERypYdawHBTwUyd6

Ao igual que as persoas refuxiadas, os caracois levan a casa ao lombo.
No obradoiro do martes pasado, quixemos mandarlles o noso abrazo multicolor en forma de caracois a todas esas persoas que tanto están sufrindo, fóra do seu fogar e do seu país, expulsadas por unha guerra que parece que non acaba máis.
Moitas grazas a tódalas familias pola vosa colaboración, tanto traendo material para os traballos, como participando nos obradoiros no voso tempo de lecer.


martes, 24 de mayo de 2016

Un volcán en erupción

A última semana no recanto de ciencias, fixemos unha simulación da erupción dun volcán.
Primeiro, fixemos con pasta de modelar unha montaña cun furado no medio, como un volcán.
No furado, metemos bicarbonato, un pouco de xabón líquido, pintura (para darlle un pouco de cor á "lava") e vinagre. E, ao botar o vinagre...entraba en erupción!

https://goo.gl/photos/gMDoxVqGafg5L4Nt9

A profe deixounos no recanto de ciencias o material e unha folla coas instrucións para facelo.
Na folla explicaba tamén que esa erupción producíase ao entrar en contacto o vinagre (que é un ácido) co sodio do bicarbonato (que é unha base). Entón prodúcese unha reacción química que libera gas. As burbullas dese gas expándense, precisando máis espazo, e saen por fóra.
En realidade, os volcáns funcionan dun xeito moi diferente.
Podedes ver aquí como é.  

jueves, 12 de mayo de 2016

Primavera

Primavera. Tempo de renacer. De botar gromos as plantas. De encherse todo de flores e insectos.
Quixémolo traballar na hora de plástica, e saíu así, como podes ver pinchando nas margaridas.
https://goo.gl/photos/mRE8AG4zhbgAfzs88



lunes, 9 de mayo de 2016

O bigote de Mimí

A semana  pasada, estiveron no cole Luis Vallecillo e a Banda do Cuberto, representando a obra "O bigote de Mimí".
O protagonista deste relato de Manuel María (o autor ao que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas) é un gato que ten certas peculiaridades: o seu bigote é multicolor, gústanlle as galletas de chocolate, e o día do seu santo -o 31 de febreiro- sempre fuma un puro sentado no salón. Nós coñecémolo ben, que xa lemos o conto na clase!

https://goo.gl/photos/6Kjz8FzFjJDGsLEi6

O espectáculo estivo xenial. Moi participativo e cheo de música, fíxose coa atención do público infantil en menos do que Mimí caza un rato.
Se queredes escoitar as cancións que alí se cantaron, están na páxina de Luis Vallecillo.
E estou segura de que Mimí estará encantado do guapo que saíu na obra!

sábado, 7 de mayo de 2016

Sementes

Como é o proceso de xerminación dunha semente?
Algo tan fascinante ocorre normalmente oculto á nosa vista. Pero buscámoslle o xeito para que non se agochase!
Decidimos copiar unha idea que vimos en internet, e usar as caixas transparentes de CDs como pequenos invernadoiros.
É doado: bótase un pouco de terra dentro do CD, humedécese, póñense alí as sementes...e xa só hai que agardar, e coller a lupa para velo con máis claridade.
https://goo.gl/photos/GTbmeg8uT9wM9sod9

É un sistema sinxelo, e que nos permite ver perfectamente como vai saíndo e medrando cada unha das partes da planta a partir da semente.
Estivemos facendo este traballo durante os últimos días no recanto de Ciencias. Encantounos!

miércoles, 4 de mayo de 2016

Millo

Hai xa algún tempo, Álvaro trouxo a clase unhas mazarocas de millo. Quería que aprendésemos cousas sobre o millo, e que o plantásemos.
Como non era tempo de facelo, deixámolo para máis adiante.
Hai cousa de dúas semanas, retomamos a idea. Pero non cun millo calquera: con millo de facer "palomitas".
Primeiro plantámolo dentro, en macetas. Día a día, fomos observando como as plantas nacían e ían medrando. Agora que se puxeron un pouco grandes, transplantámolas fóra.
https://goo.gl/photos/gz3mzWSvfth1xXnA6

Xa sabemos que temos que regalas de cando en vez, e abonar un pouco a terra. Tamén nos dixeron que o vento favorece a polinización.
Medrarán?
Poderemos comer "palomitas" feitas por nós?

domingo, 1 de mayo de 2016

Apadriñamento lector

Como cada ano, o equipo da biblioteca promove por estas datas a actividade de apadriñamento lector.
Consiste, como seguramente xa saberedes, en que ao alumnado de segundo en diante que quere participar da actividade, asígnaselle unha persoa de entre o alumnado dos cursos máis baixos, para que lle lea un libro.
Quen participa na actividade, debe preparar durante os días previos a lectura do libro. Logo, o día sinalado (este ano foi o pasado venres), vén á clase correspondente, para recoller a súa "afillada" ou o seu "afillado" lector. Despois, buscan un lugar que lles resulte agradable para a lectura. O mesmo pode ser nun banco, que estomballándose na herba, ou enriba do tobogán... Onde mellor lles preste!
https://goo.gl/photos/zij4i7JqToyas8686

Como o día acompañou, a actividade púidose realizar ao aire libre. Así, ao pracer da lectura sumouse o pracer de gozar dun día verdadeiramente primaveral.

lunes, 25 de abril de 2016

Flores estilo Mackintosh

Inspirándonos nesta obra que vedes aí abaixo de Mackintosh (un arquitecto, deseñador e pintor escocés), fixemos uns traballos con técnica mixta: ceras, rotulador permanente e acuarelas.
https://goo.gl/photos/wFDSWJVMzYaSxUUD9 


Ao pinchar na imaxe de Mackintosh, podes ver os nosos traballos. 
Gústanche?

miércoles, 20 de abril de 2016

De onde vén o mel?

Gústache o mel? Está riquísimo, pero ademais ten moitas propiedades.
Sabes de onde vén?
Hoxe na clase tivemos a visita de Bautista, o pai de Álvaro, que nos trouxo un panal e algúns utensilios que usan os apicultores para a extracción do mel.
Vimos como son as celas onde as abellas van almacenando o mel, e o aparello que se utiliza para botarlles fume e que queden máis tranquilas.
https://goo.gl/photos/aKzumq44zd8vofEs7

Aprendemos un montón de cousas sobre as abellas, de como se organizan e como fan para fabricar o mel.
Tamén aprendemos que as abellas son polinizadoras, algo que é fundamental para a continuidade da vida no noso planeta.
Ao final, imaxinamos que éramos apicultoras e apicultoras, probando o traxe protector.
E tamén probamos o mel. Está ben bo!

jueves, 14 de abril de 2016

O coello

Ola, somos Valeria e Irene. Fixemos unha presentación de coelliños. Esperamos que vos guste.

O cabaliño de mar

Nós   fixemos unha   presentación    do cabaliño  de  mar.
Sofia  e   Nerea

O koala

Peresentación do koala con moitas fotos.
Fixemola entre Marta Lois e Erea.
Gústavos?

jueves, 7 de abril de 2016

Tartarugas mariñas

Fixemos unha presentación de Power Point de tartarugas mariñas. Primeiro buscamos fotos de tartarugas mariñas, e despois xuntámolas no Power Point.
Joni e Álvaro

jueves, 31 de marzo de 2016

Powerpoint canciños

Fixemos unha presentacion de Powerpoint.
Buscamos fotos de cans e puxemos animacions.
David G e Alba

OS GATOSº

gato
View more presentations or Upload your own.
Nós fixemos unha presentación de Power Point duns gatos.
Que vos parece?
Sabela Gude Pena e Marta Guisamonde Sampedro

jueves, 17 de marzo de 2016

O escorpión dourado

Nós  fixemos  unha   presetación  de Power Point.
É de un  escorpion  dourado.
A ver  se  vos gusta.

David  Fernández Paz  e
Marta  Pastoriza  Romano


viernes, 11 de marzo de 2016

Visita ao Museo de Historia Natural

Gústanvos os animais? A nós si. Por iso onte fomos a Santiago, para ver o Museo de Historia Natural.
Alí puidemos ver réplicas de moitísimos animais, desde  invertebrados como a libélula ata mamíferos feroces como o león.
https://goo.gl/photos/6fboXzURLx7zwmzP7
No Museo, os animais están situados en reproducións dos seus hábitats naturais: a fraga, o río, a praia...
Tamén conta cunha importante colección de minerais. Hainos de tódalas cores!! Incluíndo unha enorme pedra de cuarzo rosa que procedía da Curota.
Puidemos ver como son as distintas capas de terra por debaixo do chan que pisamos, e que animais se refuxian nela. 
Entre os fósiles, tal vez o máis impresionante fose a moa dun mamut. Se a moa era como a nosa cabeza...como sería o bicho enteiro!!
Mágoa que non puidemos saír un anaco ao parque tan agradable que hai alí mesmo. Pero en Santiago choveu bastante, e estaba todo moi mollado.
Pasámolo pipa!

martes, 1 de marzo de 2016

Medallas

Non, non é que nos presentásemos a campionato ningún, e levásemos unha medalla.
Trátase de medallas que fixemos nós, na clase.
Traballamos con pasta branca de modelar.

https://goo.gl/photos/Rs5LJrKQ6mJfhSt37


Primeiro, fixemos unha bóla. Despois, esmagámola un pouco, e, con axuda dun rolete (apoiado nuns soportes para que quedase demasiado fina) fixemos unha lámina.
Axudándonos cun vaso, recortamos desa lámina unha peza redonda, na que fixemos un furado próximo ao borde, para despois poderlle pasar un fío.
Puxémoslle o nome por detrás, e por diante decorámola deixando as pegadas de tapas de rotulador.
Da que secaron, pintámolas.
E, cando secou a pintura, puxémoslle o cordel e colgámolas no pescozo.
Gústanvos? 

viernes, 26 de febrero de 2016

De onde vén a auga das ventás?

Hoxe, cando chegamos a clase, tódalas ventás estaban empañadas.
Démonos conta de que, ao pasar o dedo, podíamos debuxar nelas, e estivemos xogando un anaco. Ao debuxar, caían pingas de auga.
Pero...de onde viña esa auga?

Houbo distintas hipóteses ao respecto.
Marta Guisamonde, Lucía e Jonatan, dicían que esa auga viña da chuvia. Pero, se era así...por onde entraba? Como atravesaba o cristal?
Segundo Marta Lois e Lucía, pasa por un furadiño pequeno que hai nel. Temos que seguir buscando, porque hoxe non demos con el.
Nerea dicía que, cando vai calor, ao abrir a ventá entra o calor e fai como un suor nos cristais. Pero o caso é que hoxe fóra non ía calor!
Di Nerea que nos coches tamén pasa iso, e que hai que limpar cun trapo. Sabela di que ás veces nin trapo fai falta, que abrindo a ventá xa se limpa. Por que será?
No baño tamén ocorre, e pódese secar co secador.
Valeria opina que a humidade está dentro, por toda a clase. Sofía opina o mesmo. Di que é esa humidade a que choca cos cristais e os empaña. 
Quen terá razón? Imos investigar sobre o tema, a ver se logramos dar coa información correcta!

Pican?

Hoxe recibimos a visita de Cipri, o pai de Erea.
Cipri traballa nun sitio onde fabrican anzois, así que veu e explicounos todo o proceso de fabricación: desde que o arame chega en enormes rolos, ata que sae o anzol xa listo para atrapar o peixe.
https://goo.gl/photos/K3PAh43hbsCZ3KvU8


Ben embolsados para que ninguén se lastimase, tróuxonos distintos tipos de anzois, de tamaño e cor variada. Tamén nos trouxo un que se chama ecolóxico, porque ten a punta virada cara dentro, para evitar danar as aves mariñas ou as tartarugas.
Ademais, vimos como o arame é ao principio brando e maleable, para despois volverse, durante o proceso de fabricación, primeiro quebradizo, despois duro e resistente.
Teñen máquinas que fan de todo: cortar, afiar, revirar o arame para darlle a curvatura precisa...de todo!
Agora xa entendemos un pouco mellor como se fai un anzol. Xa podemos ir de pesca con máis coñecementos.
O caso é que piquen! ;-)

jueves, 18 de febrero de 2016

Abracadabra

Trucos de cartas, trucos con cordeis, trucos cunha botella, trucos con papeis, trucos con moeda...
Todo iso traía Fran, o pai de Sabela, cando veu de visita a nosa clase o pasado luns.
https://goo.gl/photos/CNvQpGHrR2AJVVBu9

Por máis que lle dábamos voltas, non demos adiviñado como facía para conseguir que as cartas que el quería quedasen por riba de todo nos montóns. Ou que a moeda entrase na botella. Ou que un pano de papel rachado volvese a estar enteiro!
Como fará?

lunes, 15 de febrero de 2016

Pintando os cacharros

O venres pasado, pintamos os cacharros de barro que fixéramos con Uxía, a nai de Sofía.
Utilizamos pintura acrílica, que aguanta máis e é un pouco máis intensa.

https://goo.gl/photos/uTDtAKKL6NvoYUPA7
Recordade: os cacharros non están cocidos, así que parten facilmente se tiramos do borde, e non aguantan a auga. Non se poden usar de floreiros!
Pero si que se poden usar para gardar cromos, bolis, pinturas...
A que quedaron chulos?

viernes, 12 de febrero de 2016

México: mural virtual

Aproveitando o tema do noso disfrace de entroido, estivemos practicando na aula de informática cunha ferramenta chamada Padlet, que nos permite crear murais virtuais coas imaxes que nós queiramos.
Cadaquén tiña que pensar en algo relacionado coa cultura mexicana, buscar a imaxe e gardala. 
Despois, imos ao padlet a través da ligazón que hai no noso blogue, e introducimos alí a imaxe e o nome da mesma.
Foi un pouco latoso, porque a conexión non andaba moi ben, e levounos moito máis tempo do esperado.


Esta que vedes aquí é unha captura das imaxes subidas.
Se queredes ver o padlet na súa ligazón, pinchade aquí.

martes, 9 de febrero de 2016

México lindo y querido

Aquí vos deixo as imaxes da Festa do Entroido que tivemos o venres.
https://goo.gl/photos/oBYZC4N3KEWNjMSu8

Como podedes ver, houbo tempo para todo. Para facer os nachos con guacamole, para bailar e divertirnos, para pintar bandeiras de México e para saborear tanto o plato mexicano que preparamos como as larpeiradas de entroido que trouxeron da casa.
O guacamole estaba boísimo. Agora, como saben a receita, podedes probar a facelo na casa.

sábado, 30 de enero de 2016

Coas mans na masa

Onte estivo con nós Uxía, a nai de Sofía.
A Uxia dáselle moi ben traballar co barro, e ademais ten un torno, así que propúxonos vir a clase e explicarnos un pouco o proceso.
Trouxo o torno, e puxémolo na clase de plástica de infantil, onde tiñamos bastante espazo para traballar e para ver.
Primeiro explicounos como se traballa co torno, e fíxonos unha demostración.
https://goo.gl/photos/LVU7RA8aGekys8rG7

Despois fomos de un en un facer cadanseu cacharro de barro, mentres Uxía nos ía guiando no proceso.
Ben, houbo quen non quixo ir...e quen despois de meter as mans na masa xa non quería sacalas!
Uxía tamén nos explicou as diferenzas que hai entre as pezas de barro cando están simplemente secas ou cando xa están cocidas, ou esmaltadas.
As nosas, como non van estar cocidas, teremos que ter moito coidado con elas, pois son moi fráxiles, e ademais en contacto coa auga vanse desfacendo pouco a pouco.
Pero cando as pintemos, seguro que quedan preciosas.
Moitas grazas, Uxía, foi unha moi boa experiencia!

viernes, 22 de enero de 2016

Atando cabos

Dentro do programa de familias colaboradoras que temos na nosa escola, hoxe contamos coa visita de Fran, o pai de Sabela.
A Fran dáselle moi ben iso de facer nós mariñeiros, así que hoxe veunos facer un pequeno obradoiro de nós.
Primeiro cortou cadanseu anaco de corda, e logo axudounos a facer un nó que se chama "o dos enamorados".
https://goo.gl/photos/fZ6vgu7tLKeCbdBb8

Despois, con outro anaco, fixemos unha cadeneta por parellas, axudándonos para que resultase máis doado.
Fran fainos moi ben...pero a nós resultounos un pouco difícil!
Tamén trouxo un cadro feito con nós mariñeiros, co nome debaixo.
E un montón de nós para que os teñamos na clase. Imos facer un libro con eles, poñendo o nome de cada un. Así teremos un recordo deste día.
Moitas grazas, Fran, polas túas ensinanzas!

miércoles, 13 de enero de 2016

Primeiros auxilios: como actuar ante un atragoamento

Hoxe tivemos a visita de Bautista, o pai de Álvaro.
Bautista veunos explicar como se fai para axudar a unha persoa que se atranca con algo que comeu e non pode respirar.
Tamén nos explicou que facer para reanimar a esa persoa no caso de que non consiga botar fóra a comida que se lle atrancou.
E aprendemos o número ao que temos que chamar se lle pasa algo aos adultos que están con nós! Non o esquezades: 112. 
Despois das súas explicacións, estivemos facendo algunha "práctica" cos bonecos. 
Pasámolo moi ben e foi moi instrutivo. 


https://goo.gl/photos/noXz41WGWL8cRkFu5

E ademais Bautista deunos unha pegatina.
Moitas grazas por todo, Bautista! 
Esperamos que máis nais, pais, avós, avoas...se animen a visitarnos, sexa para estar con nós, ou para ensinarnos ou  explicarnos algo que saben facer ben.  
Pinchade na foto para ver todo o álbum. 

domingo, 10 de enero de 2016

O guante que cobra vida

Como o tema que nos ocupa neste momento son os gases (os que levamos dentro), ocorréuseme aproveitar para facer algún experimento sinxelo relacionado cos gases no noso recanto de Ciencias.
Este experimento vino en Fq-experimentos, un interesantísimo blogue cun montón de propostas de experimentos para distintas idades, boa parte deles moi sinxelos, e moi didácticos. Aquí vos queda o vídeo



Gozaron na verza!