viernes, 11 de noviembre de 2016

Experimento sobre a conservación dos alimentos

Despois dalgún tempo traballando na cociña e sobre o tema dos alimentos, hai unha pregunta que nos ronda a cabeza: canto tempo se conservan os alimentos? Que pasa se os deixamos fóra da neveira, sen utilizar ningunha técnica de conservación?
Para comprobalo, realizamos un experimento. Collemos varios alimentos: iogur, queixo, un anaco de mazá, un anaco de tomate, un anaco de pan, e garavanzos.
Antes de nada, fixemos as nosas hipóteses sobre o que pasaría con cada un deles. Podrecerían? Que aspecto collerían? Aparecerían bichos? Poñeríanse negros? Ulirían mal? Secarían? Cadaquén fixo as súas propostas e escolleu o que lle parecía que pasaría con cada alimento.
https://goo.gl/photos/zQnqp9Xfj1yNbHbE7

Logo, nas seguintes dúas semanas, fomos comprobando e anotando no noso cadro de observacións.
O tomate, enseguida empezou a coller mal aspecto: púxose moi brando, encheuse de líquido, colleu manchas negras, e un cheiro nauseabundo. Tivemos que tiralo! O iogur encheuse de mofo, así que aproveitamos para ver unha curta sobre o que era o mofo e como se reproducía. A mazá e o queixo tardaron bastante máis en estragarse. O pan púxose duro coma un croio. E os garavanzos quedaron intactos!
Por que? A profe explicounos que era porque foran sometidos a un proceso de secado. Cando os alimentos están ben secos, consérvanse moito mellor, xa que o mofo, para aparecer e reproducirse, precisa ter humidade e unha temperatura tirando a quente.
Aproveitamos para falar sobre métodos para conservar os alimentos.
Xa sabemos que, canto máis secos e con temperatura fresca, mellor!

No hay comentarios:

Publicar un comentario