viernes, 26 de febrero de 2016

De onde vén a auga das ventás?

Hoxe, cando chegamos a clase, tódalas ventás estaban empañadas.
Démonos conta de que, ao pasar o dedo, podíamos debuxar nelas, e estivemos xogando un anaco. Ao debuxar, caían pingas de auga.
Pero...de onde viña esa auga?

Houbo distintas hipóteses ao respecto.
Marta Guisamonde, Lucía e Jonatan, dicían que esa auga viña da chuvia. Pero, se era así...por onde entraba? Como atravesaba o cristal?
Segundo Marta Lois e Lucía, pasa por un furadiño pequeno que hai nel. Temos que seguir buscando, porque hoxe non demos con el.
Nerea dicía que, cando vai calor, ao abrir a ventá entra o calor e fai como un suor nos cristais. Pero o caso é que hoxe fóra non ía calor!
Di Nerea que nos coches tamén pasa iso, e que hai que limpar cun trapo. Sabela di que ás veces nin trapo fai falta, que abrindo a ventá xa se limpa. Por que será?
No baño tamén ocorre, e pódese secar co secador.
Valeria opina que a humidade está dentro, por toda a clase. Sofía opina o mesmo. Di que é esa humidade a que choca cos cristais e os empaña. 
Quen terá razón? Imos investigar sobre o tema, a ver se logramos dar coa información correcta!

No hay comentarios:

Publicar un comentario