jueves, 26 de mayo de 2016

Obradoiro de caracois

Como ben sabedes, este ano o tema que estamos traballando desde a biblioteca do noso centro é a emigración, e  os movementos migratorios en xeral, por distintos motivos, como o exilio.
Por iso, unha das exposicións que se fixeron ao longo do curso, e que aínda está no pasillo de abaixo, é a de "Ponte nos seus zapatos", sobre as persoas refuxiadas.
https://goo.gl/photos/MERypYdawHBTwUyd6

Ao igual que as persoas refuxiadas, os caracois levan a casa ao lombo.
No obradoiro do martes pasado, quixemos mandarlles o noso abrazo multicolor en forma de caracois a todas esas persoas que tanto están sufrindo, fóra do seu fogar e do seu país, expulsadas por unha guerra que parece que non acaba máis.
Moitas grazas a tódalas familias pola vosa colaboración, tanto traendo material para os traballos, como participando nos obradoiros no voso tempo de lecer.


martes, 24 de mayo de 2016

Un volcán en erupción

A última semana no recanto de ciencias, fixemos unha simulación da erupción dun volcán.
Primeiro, fixemos con pasta de modelar unha montaña cun furado no medio, como un volcán.
No furado, metemos bicarbonato, un pouco de xabón líquido, pintura (para darlle un pouco de cor á "lava") e vinagre. E, ao botar o vinagre...entraba en erupción!

https://goo.gl/photos/gMDoxVqGafg5L4Nt9

A profe deixounos no recanto de ciencias o material e unha folla coas instrucións para facelo.
Na folla explicaba tamén que esa erupción producíase ao entrar en contacto o vinagre (que é un ácido) co sodio do bicarbonato (que é unha base). Entón prodúcese unha reacción química que libera gas. As burbullas dese gas expándense, precisando máis espazo, e saen por fóra.
En realidade, os volcáns funcionan dun xeito moi diferente.
Podedes ver aquí como é.  

jueves, 12 de mayo de 2016

Primavera

Primavera. Tempo de renacer. De botar gromos as plantas. De encherse todo de flores e insectos.
Quixémolo traballar na hora de plástica, e saíu así, como podes ver pinchando nas margaridas.
https://goo.gl/photos/mRE8AG4zhbgAfzs88



lunes, 9 de mayo de 2016

O bigote de Mimí

A semana  pasada, estiveron no cole Luis Vallecillo e a Banda do Cuberto, representando a obra "O bigote de Mimí".
O protagonista deste relato de Manuel María (o autor ao que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas) é un gato que ten certas peculiaridades: o seu bigote é multicolor, gústanlle as galletas de chocolate, e o día do seu santo -o 31 de febreiro- sempre fuma un puro sentado no salón. Nós coñecémolo ben, que xa lemos o conto na clase!

https://goo.gl/photos/6Kjz8FzFjJDGsLEi6

O espectáculo estivo xenial. Moi participativo e cheo de música, fíxose coa atención do público infantil en menos do que Mimí caza un rato.
Se queredes escoitar as cancións que alí se cantaron, están na páxina de Luis Vallecillo.
E estou segura de que Mimí estará encantado do guapo que saíu na obra!

sábado, 7 de mayo de 2016

Sementes

Como é o proceso de xerminación dunha semente?
Algo tan fascinante ocorre normalmente oculto á nosa vista. Pero buscámoslle o xeito para que non se agochase!
Decidimos copiar unha idea que vimos en internet, e usar as caixas transparentes de CDs como pequenos invernadoiros.
É doado: bótase un pouco de terra dentro do CD, humedécese, póñense alí as sementes...e xa só hai que agardar, e coller a lupa para velo con máis claridade.
https://goo.gl/photos/GTbmeg8uT9wM9sod9

É un sistema sinxelo, e que nos permite ver perfectamente como vai saíndo e medrando cada unha das partes da planta a partir da semente.
Estivemos facendo este traballo durante os últimos días no recanto de Ciencias. Encantounos!

miércoles, 4 de mayo de 2016

Millo

Hai xa algún tempo, Álvaro trouxo a clase unhas mazarocas de millo. Quería que aprendésemos cousas sobre o millo, e que o plantásemos.
Como non era tempo de facelo, deixámolo para máis adiante.
Hai cousa de dúas semanas, retomamos a idea. Pero non cun millo calquera: con millo de facer "palomitas".
Primeiro plantámolo dentro, en macetas. Día a día, fomos observando como as plantas nacían e ían medrando. Agora que se puxeron un pouco grandes, transplantámolas fóra.
https://goo.gl/photos/gz3mzWSvfth1xXnA6

Xa sabemos que temos que regalas de cando en vez, e abonar un pouco a terra. Tamén nos dixeron que o vento favorece a polinización.
Medrarán?
Poderemos comer "palomitas" feitas por nós?

domingo, 1 de mayo de 2016

Apadriñamento lector

Como cada ano, o equipo da biblioteca promove por estas datas a actividade de apadriñamento lector.
Consiste, como seguramente xa saberedes, en que ao alumnado de segundo en diante que quere participar da actividade, asígnaselle unha persoa de entre o alumnado dos cursos máis baixos, para que lle lea un libro.
Quen participa na actividade, debe preparar durante os días previos a lectura do libro. Logo, o día sinalado (este ano foi o pasado venres), vén á clase correspondente, para recoller a súa "afillada" ou o seu "afillado" lector. Despois, buscan un lugar que lles resulte agradable para a lectura. O mesmo pode ser nun banco, que estomballándose na herba, ou enriba do tobogán... Onde mellor lles preste!
https://goo.gl/photos/zij4i7JqToyas8686

Como o día acompañou, a actividade púidose realizar ao aire libre. Así, ao pracer da lectura sumouse o pracer de gozar dun día verdadeiramente primaveral.