viernes, 4 de diciembre de 2015

Planetario

 Marte, Xúpiter, Saturno, a Osa maior, a estrela Polar, os cometas... Un pouco de todo sobre o Universo aprendemos este xoves.
E é que veu ao cole un planetario, onde puidemos ver todas as estrelas e nos explicaron un lote de cousas.
https://goo.gl/photos/S5YeWgvVJqZypZ4x6


Metémonos na carpa, sentamos no chan, e un ceo cheo de estrelas abriuse enriba das nosas cabezas.
Que ben o pasamos!
Moitas grazas á ANPA, que foi quen nos fixo este regalo.

viernes, 27 de noviembre de 2015

Redebuxar

Con motivo do día contra a violencia de xénero, desde hai uns días temos no cole a exposición "Desdebuxadas".

Trátase de varias series de retratos femininos onde podemos observar como se van desdebuxando as distintas partes do rostro: orellas, boca, nariz…ata chegar á desaparición de todos os trazos da cara. Son relatos visuais que poden servir para reflexionar como a persoa que nos maltrata nos vai anulando, nos vai minando, vai facendo que se perda a nosa identidade, vainos desdebuxando.
O martes pola tarde, ademais, fixemos un obradoiro coa colaboración das familias, no que collíamos eses retratos desdebuxados e os "redebuxamos", poñéndolles cor e devolvéndolles todos os trazos para que volvesen a ter o seu rostro. Esta intervención simboliza de que modo, cos coidados das persoas do entorno, as mulleres maltratadas poden recuperar a identidade e a ilusión perdidas. 
Déixovos unhas fotos do obradoiro, no que disfrutamos un montón, e do que saíron unhas obras de arte divertidas e cheas de cor. 

Non esquezades: evitar o maltrato, e axudar ás mulleres que o padecen, e cousa de tódalas persoas.

lunes, 23 de noviembre de 2015

Os experimentos, con Cocacola

Os dentes, como as cáscaras dos ovos, están feitos de calcio.
E que pasa cando metemos calcio en distintos líquidos?
Estivemos probando coa auga e coa Cocacola.
Puxemos un pouco de auga nun recipiente, e un pouco de Cocacola no outro, e metemos en ambos unhas cáscaras de ovo.

Que pasará ao cabo duns días?
Fixemos as nosas hipóteses, e houbo de todo: cambiarán de tamaño, desfaranse, cambiarán de cor...
Pasada unha semana, chegou a hora de comprobalo. Abrimos os botes, e vemos o resultado: as cáscaras que están na auga están igual que antes. As que están na Cocacola puxéronse marróns.


Pasaralle iso tamén aos nosos dentes? Por se acaso, será mellor non beber moita Cocacola!

jueves, 19 de noviembre de 2015

Doce ou salgado?

Ademais de para falar e comer, a nosa boca sérvenos para algo moi agradable: saborear a comida. 
Azucre ou sal? Limón ou mandarina? Non precisamos ter os ollos abertos para saber de que se trata: as nosas papilas gustativas dannos esa información. 
https://goo.gl/photos/kevtBepiBfwWzBMBA

martes, 3 de noviembre de 2015

Dentes de tiburón

Como estamos cos dentes, á mamá de Sabela ocorréuselle que igual nos interesaba ver a dentadura dun tiburón. Claro que si!
Así que alí veu Sabela con esa enorme mandíbula nunha bolsa, para que puidésemos vela todos.
Puidemos observar que os tiburóns non teñen unha soa fila de dentes, coma nós.
E os seus dentes, ademais de en número, gánannos en afiados. Como pinchan!

https://goo.gl/photos/1bVox289fPbiXa3s9
Pincha aquí para ver máis fotos
Os dentes de tiburón serviron para que nos fixésemos un lote de preguntas (Como lle quitaron a dentadura enteira? Por que non dobra como a nosa? Como fai a nosa para abrir e pechar?...). E tamén para poder ver e tocar, que é a parte máis importante de calquera aprendizaxe.
Grazas, familias, por colaborar coa nosa labor!

viernes, 30 de octubre de 2015

Por que abanean os dentes?

Hai uns días, no faladoiro, varias persoas dixeron que lles abaneaba un dente.
A raíz dese feito, decidimos empezar a investigar que é o que pasa dentro da nosa boca.
Por que abanean os dentes?
Primeiro, fixemos hipóteses. Será porque mordemos moi forte? Será porque levamos un golpe? Será de comer chuches?
Cadaquén fixo a súa proposta, e recollémolas nunha folla, para gardar no libro deste proxecto.
Estas foron as hipóteses:

Despois, investigamos: preguntamos na casa  por que se movían os dentes. Así soubemos que non se moven por comer chuches ou por morder forte unha ventá, senón porque hai outros dentes que veñen detrás, e ao nacer, botan fóra aos que estaban alí.



Os que veñen de segundos, son os últimos da nosa vida. Hai que coidalos! Imos empezar a traballar sobre iso: que cousas danan os dentes, e como podemos coidalos para que nos duren moitos, moitos anos.

jueves, 15 de octubre de 2015

Mesa de luz



Mesa de luz

Sabedes o que é unha mesa de luz? Trátase dunha mesa con tapa de cristal e luz no interior. No cole temos unha.
Estivemos experimentando con ela como se comportan os obxectos segundo sexan transparentes, translúcidos, opacos...
As cousas translúcidas ou transparentes, cando as poñemos unha enriba de outra, mesturan as súas cores, dando lugar a unha cor nova. 
Ademais, cos distintos obxectos puidemos facer composicións, xogando coas formas e as cores. 
Na mesma aula temos tamén unha mesa de espello, que lle dá unha nova dimensión ás nosas construcións. 
Aprender pode ser moi divertido!




lunes, 12 de octubre de 2015

Como se fai máis grande unha sombra?

Continuando o noso traballo coas sombras, o outro día tratamos de responder a seguinte pregunta:

Pódese facer algo para que a sombra dun obxecto se faga máis grande?

Fixemos hipóteses, cadaquén propuxo a súa resposta. Pero como a mellor maneira de responder as preguntas é probando e experimentando, baixamos a unha aula ben escura, collemos as lanternas (moitas grazas ás familias pola súa colaboración!!!), e puxémonos a facer probas.
Despois dun anaco  de probar, demos coa trécola: se achegamos o obxecto á fonte de luz, a sombra que se proxecta na parede faise máis grande.

Tamén estivemos experimentando coa transparencia e opacidade dos obxectos. Deixa pasar a luz a tapa plástica da axenda? E a miña mochila? E unha cartolina?
Déixovos as fotos, que podedes ver pinchando na que aparece aquí abaixo:
https://goo.gl/photos/MEfjhmnyzmeDRZo68

lunes, 5 de octubre de 2015

Sombras



Un día, no faladoiro, xurdiu a pregunta de de onde veñen as sombras. A raíz desa pregunta, naceron máis preguntas, e decidimos empezar a investigar sobre as sombras.
O primeiro que fixemos foi observar que pasa se collo obxectos iguais, pero de distinta cor. Cambia a sombra segundo o color do obxecto? Ou é igual?
E se poño dous obxectos xuntos, que pasa coa sombra? E se subo un enriba do outro?
Primeiro, na clase, fixemos hipóteses acerca do que pasaría en cada situación.
Logo, no patio, comprobamos se o que nós pensábamos era certo ou non.
Método científico!
Aí vos quedan as fotos.

jueves, 24 de septiembre de 2015

Paseniño

Benvidas e benvidos ao blog de 1ºB do CEIP Heroínas de Sálvora.
Desde el iremos facéndovos saber periodicamente sobre que estamos traballando.
Tamén teredes, na lapela "Actividades", ligazóns a actividades interactivas coas que o alumnado poderá repasar o que imos traballando na clase.
Pouco a pouco irán medrando e aprendendo. Sen presas, pero constantemente. Paseniño.