viernes, 22 de junio de 2018

Ata pronto!!


https://photos.app.goo.gl/Lr7T6rXU8djTppbY9
Queridas nenas, queridos nenos, queridas familias, esta viaxe que emprendemos xuntos hai tres anos chegou ao seu fin...como todo nesta vida!
Agora que os nosos camiños se separan, quero desexarvos moitísima sorte no da vosa vida.
E darvos as grazas. Polo precioso detalle de onte, claro que si (que ben escollido, coñecedes ben os meus gustos! Levarei os vosos nomes moi cerca do meu corazón).
Pero, sobre todo, grazas polo día a día durante estes tres anos. Pola resposta a tódalas propostas que se facían desde o cole, pola involucración, pola colaboración, polo apoio, polo respecto, polo cariño mostrado ao longo deste tempo.
Moitos bicos e ata pronto!

jueves, 21 de junio de 2018

Contacontos: Pedro Brandariz

O pasado luns tivemos o pracer de ter entre nós a Pedro Brandariz, actor e monologuista, que na última edición dos premios Mestre Mateo recibiu o premio á mellor Webserie.
https://photos.app.goo.gl/oDEwx98PsFzzHgrm8

Que non sabedes quen é? Seguro que si, cando vexades as fotos darédesvos conta.
Contounos dous interesantes contos de María Victoria Moreno, que se fixeron moi amenos, porque nos deixou participar.
Foi moi divertido!

martes, 19 de junio de 2018

As plantas

Gústanvos as plantas?
Nós estivemos traballando sobre elas neste último trimestre.
Organizámonos en grupos, e centrámonos en distintos aspectos: o ciclo de vida da planta, os bosques, as plantas aromáticas, as plantas mediciñais...
Agora estamos presentando os resultados noutros grupos.
Aí quedan as fotos:
https://photos.app.goo.gl/MgVuzgLZBSYBNWUs6

jueves, 7 de junio de 2018

Obradoiro de Ciencias

Onte foi un día especial.
Viñeron de Ciencia en Ruta para impartirnos un obradoiro sobre elaboración de foguetes.
Contáronnos un montón de cousas sobre ciencias, e logo déronnos instrucións para facer un foguete, usando botellas de dous litros baleiras, cartóns e cinta adhesiva.
Unha vez feitos os foguetes, fomos con eles ao patio, e o científico botoulles auga. Conectounas á lanzadera, que recibía presión de aire por medio dun inflador de rodas. Ao tirar da corda...buuuuummmm, o foguete saía disparado.
Ah, que non o cres?? Pois mira as fotos, xa verás!

https://photos.app.goo.gl/PtQxBzOttck4mMCp1

Sabedes que? A Ciencia é moi divertida!

sábado, 12 de mayo de 2018

Unha lección de Prehistoria

O pasado xoves foi un día especial. Estivemos visitando o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro.
Vimos un montón de petróglifos, que son gravados en pedra feitos polas persoas que viviron na Prehistoria, é dicir, os nosos antergos.
https://photos.app.goo.gl/9lW30HVUnDIP06ms1

Durante a visita fixemos dous obradoiros. Un chamábase "Arqueólogos por un día", e consistía en facer rexistros dos petróglifos, utilizando dúas técnicas diferentes: a de poñer un plástico transparente sobre o petróglifo e recoller o debuxo calcáneo cun rotulador permanente, e a do frotagge, que consiste en poñer un papel sobre a rocha e frotar cunha esponxa cuberta cun papel de calco, de modo que vai quedando marcado sobre o papel de maneira máis intensa o debuxo do petróglifo.
O outro obradoiro foi o de "Graffiti na Prehistoria". Neste fixemos os nosos propios pigmentos cun muíño de man, e logo pintamos con eles.
Tamén nos fixeron unha demostración de como se fai lume frotando paus.
Pero a mellor explicación está nas imaxes: picade na foto e accederedes ao álbum.

martes, 10 de abril de 2018

Experimento con residuos

Que pasa cos residuos que xeramos a diario? Desaparecen? Convértense noutra cousa? Todos eles experimentan os mesmos cambios, ou algúns son máis doados de descompoñer que outros?
Para dar resposta a esas preguntas, onte comezamos un experimento con residuos. Cavamos un oco na terra, e alí puxemos distintos tipos de residuos: papel, papel hixiénico, mondas, un tetra brick, papel de aluminio e un bote de plástico.
https://photos.app.goo.gl/FNHVj9KHeSE1KsLv2

Puxemos sobre cada un unha etiqueta, para saber onde quedou enterrado.
Tamén fixemos as nosas hipóteses persoais sobre o que sucederá con cada un dos materiais despois de levar algún tempo na terra.

Agora toca agardar ata finais de curso, cando volveremos a cavar para ver o que pasou.
Cumpriranse as nosas expectativas? Quen acertará nas súas hipóteses?
Saberédelo no próximo capítulo! ;-)