viernes, 26 de febrero de 2016

De onde vén a auga das ventás?

Hoxe, cando chegamos a clase, tódalas ventás estaban empañadas.
Démonos conta de que, ao pasar o dedo, podíamos debuxar nelas, e estivemos xogando un anaco. Ao debuxar, caían pingas de auga.
Pero...de onde viña esa auga?

Houbo distintas hipóteses ao respecto.
Marta Guisamonde, Lucía e Jonatan, dicían que esa auga viña da chuvia. Pero, se era así...por onde entraba? Como atravesaba o cristal?
Segundo Marta Lois e Lucía, pasa por un furadiño pequeno que hai nel. Temos que seguir buscando, porque hoxe non demos con el.
Nerea dicía que, cando vai calor, ao abrir a ventá entra o calor e fai como un suor nos cristais. Pero o caso é que hoxe fóra non ía calor!
Di Nerea que nos coches tamén pasa iso, e que hai que limpar cun trapo. Sabela di que ás veces nin trapo fai falta, que abrindo a ventá xa se limpa. Por que será?
No baño tamén ocorre, e pódese secar co secador.
Valeria opina que a humidade está dentro, por toda a clase. Sofía opina o mesmo. Di que é esa humidade a que choca cos cristais e os empaña. 
Quen terá razón? Imos investigar sobre o tema, a ver se logramos dar coa información correcta!

Pican?

Hoxe recibimos a visita de Cipri, o pai de Erea.
Cipri traballa nun sitio onde fabrican anzois, así que veu e explicounos todo o proceso de fabricación: desde que o arame chega en enormes rolos, ata que sae o anzol xa listo para atrapar o peixe.
https://goo.gl/photos/K3PAh43hbsCZ3KvU8


Ben embolsados para que ninguén se lastimase, tróuxonos distintos tipos de anzois, de tamaño e cor variada. Tamén nos trouxo un que se chama ecolóxico, porque ten a punta virada cara dentro, para evitar danar as aves mariñas ou as tartarugas.
Ademais, vimos como o arame é ao principio brando e maleable, para despois volverse, durante o proceso de fabricación, primeiro quebradizo, despois duro e resistente.
Teñen máquinas que fan de todo: cortar, afiar, revirar o arame para darlle a curvatura precisa...de todo!
Agora xa entendemos un pouco mellor como se fai un anzol. Xa podemos ir de pesca con máis coñecementos.
O caso é que piquen! ;-)

jueves, 18 de febrero de 2016

Abracadabra

Trucos de cartas, trucos con cordeis, trucos cunha botella, trucos con papeis, trucos con moeda...
Todo iso traía Fran, o pai de Sabela, cando veu de visita a nosa clase o pasado luns.
https://goo.gl/photos/CNvQpGHrR2AJVVBu9

Por máis que lle dábamos voltas, non demos adiviñado como facía para conseguir que as cartas que el quería quedasen por riba de todo nos montóns. Ou que a moeda entrase na botella. Ou que un pano de papel rachado volvese a estar enteiro!
Como fará?

lunes, 15 de febrero de 2016

Pintando os cacharros

O venres pasado, pintamos os cacharros de barro que fixéramos con Uxía, a nai de Sofía.
Utilizamos pintura acrílica, que aguanta máis e é un pouco máis intensa.

https://goo.gl/photos/uTDtAKKL6NvoYUPA7
Recordade: os cacharros non están cocidos, así que parten facilmente se tiramos do borde, e non aguantan a auga. Non se poden usar de floreiros!
Pero si que se poden usar para gardar cromos, bolis, pinturas...
A que quedaron chulos?

viernes, 12 de febrero de 2016

México: mural virtual

Aproveitando o tema do noso disfrace de entroido, estivemos practicando na aula de informática cunha ferramenta chamada Padlet, que nos permite crear murais virtuais coas imaxes que nós queiramos.
Cadaquén tiña que pensar en algo relacionado coa cultura mexicana, buscar a imaxe e gardala. 
Despois, imos ao padlet a través da ligazón que hai no noso blogue, e introducimos alí a imaxe e o nome da mesma.
Foi un pouco latoso, porque a conexión non andaba moi ben, e levounos moito máis tempo do esperado.


Esta que vedes aquí é unha captura das imaxes subidas.
Se queredes ver o padlet na súa ligazón, pinchade aquí.

martes, 9 de febrero de 2016

México lindo y querido

Aquí vos deixo as imaxes da Festa do Entroido que tivemos o venres.
https://goo.gl/photos/oBYZC4N3KEWNjMSu8

Como podedes ver, houbo tempo para todo. Para facer os nachos con guacamole, para bailar e divertirnos, para pintar bandeiras de México e para saborear tanto o plato mexicano que preparamos como as larpeiradas de entroido que trouxeron da casa.
O guacamole estaba boísimo. Agora, como saben a receita, podedes probar a facelo na casa.