viernes, 25 de noviembre de 2016

De onde vén todo?

A semana pasada, estivemos escollendo un tema para empezar un novo proxecto.
As propostas que había eran: que cousas rompen a capa de ozono, como se fan os ladrillos, a Prehistoria, a auga, os animais, os músculos do noso corpo.
Despois de votar, saíu escollido o tema da Prehistoria. Pero a verdade é que non queremos só saber cousas sobre as persoas da Prehistoria.
Sobre todo, sobre todo, queremos saber de onde vén todo. De onde veñen as persoas, e o planeta Terra, e o Sol, e a auga, e...todo!
Sabemos que desde as distintas relixións e culturas hai propostas para explicar esa incógnita. Pero no cole estamos para aprender explicacións científicas, así que imos investigar sobre iso.
A profe Irene, que ten unha aula chea de cousas de Ciencias, ofreceuse a axudarnos. Así que fomos á súa clase, para que nos contase o que ela sabe acerca do orixe das cousas.
Así, entre explicacións e experimentos, falounos da Gran Explosión (Big Bang) e da aparición das estrelas. Que son tantas, que perderíamos a conta se quixésemos contalas, como nos pasa cando intentamos contar a area que cae nunha cunca.
Tamén nos falou do Sistema Solar, e de como se formou o planeta Terra. Soubemos que ao principio estaba moi quente e moi seco, e o seu interior estaba tan pero tan quente, que acabou por botar materia para fóra, por medio de numerosos volcáns. E aproveitamos para facer de novo o experimento dos volcáns, que tanto nos gustara o curso pasado.
https://goo.gl/photos/iWRuSzX6GcR5V6XR6

Vimos a diferencia entre corpos sólidos, líquidos e gaseosos. 
Fixémonos un montón de preguntas: "O Sol apágase de noite?", "De onde saen os raios do Sol?" "Como se aguantan os planetas no espacio?"
E aí nos quedamos, agardando que o vindeiro día que vaiamos á súa clase nos explique como en ese planeta chamado Terra apareceron os primeiros seres vivos.
Vós que pensades?
Eu penso que toca investigar un montón!

No hay comentarios:

Publicar un comentario