jueves, 22 de septiembre de 2016

Iogur con marmelada de amoras

Empezamos un novo curso, e queremos facelo cun sabor doce: iogur con marmelada de amoras.
Porque...sabedes? Imos traballar en torno a un proxecto de cociña.
Faremos diversas receitas, e investigaremos sobre elas, sobre os alimentos que se utilizan para facelas, sobre as propiedades dos alimentos, cales son os máis saudables, sobre os utensilios de cociña, de onde vén a enerxía para que funcione...
De entrada, a idea era empezar facendo iogur natural.
Pero como estamos en tempo de amoras, e logo se acaban, quixemos aproveitar para facer un delicioso complemento para ese iogur: marmelada de amoras.
https://goo.gl/photos/CAXsGVcGiTwVvQqc8

Para facer a marmelada, primeiro lemos a receita que nos deu a profe, e logo fomos seguindo os pasos que alí aparecían.
Tamén esterilizamos os botes onde a metemos. Todas as cousas que se usan na cociña teñen que estar moi, moi limpas. Pero os recipientes onde se almacenan os alimentos, moito máis!
Cando fixemos o iogur, fixémolo ao revés: a profe ía dicindo que había que facer, e segundo o facíamos xa o rexistrábamos por escrito na nosa libreta de investigación.
A recompensa a tanto traballo foi un delicioso iogur con marmelada.
Seguiremos cociñando!

viernes, 17 de junio de 2016

Apadriñando ao grupo de 5 anos

O luns pasado veu á nosa clase o grupo de cinco anos.
Querían saber como é iso de estar en primeiro, así que fixemos un pouco de guías.
Cada persoa da nosa clase apadriñou a un neno ou nena de 5 anos. É dicir, mostroulle a nosa clase e como traballamos nela.
Explicámoslles como traballamos nos recantos, onde facemos o faladoiro, como poñemos o calendario, onde temos todo o material co que traballamos. Levámolos á clase de inglés, e tamén lles ensinamos onde están os baños da nosa planta. E os sofás nos que lemos cando nos toca lectura no pasillo.
Ata lle explicamos o último experimento que estivemos a facer!

https://goo.gl/photos/Pr3L9MXAhytnAcQs7

Regaláronnos un xogo de sudoku e tres en raia.
Nós tamén lle tiñamos algo preparado. Como estivemos traballando papiroflexia esta temporada, fixémoslle cadanseu barquiño de papel.
Esperamos que a experiencia lles axude a ver o paso a primeiro con moita máis tranquilidade!

miércoles, 15 de junio de 2016

Experimento de flotación

No recanto de ciencias, estivemos estes días facendo un experimento sobre flotación.
Queres probar na casa? Para facer o experimento precisas:
  •  Dous ovos.
  • Sal gordo.
  • Dous vasos (nós usamos dous vasos ben grandes, para que nos fose máis fácil introducir os ovos sen que rompesen).
  • Un recipiente para medir a auga.
  • Unha culler.
O que fixemos foi encher os dous vasos ata un pouco máis da metade (300 cl). Logo, nun dos vasos puxemos tres culleradas de sal ben cheas, e remexemos ata que se disolveu ben.
Ao meter os ovos...sorpresa!! Nun dos vasos flotaba, e no outro ía para o fondo.

https://goo.gl/photos/oZgk8SgQc32UozaNA

Por que pasa iso?
Ao botar sal, aumenta a densidade da auga, o que fai que os corpos que se poñen sobre ela floten mellor.
É por iso que flotamos mellor na auga do mar que no río.
E falando diso...xa vai apetecendo un bañiño na praia! Non?

domingo, 12 de junio de 2016

Primeiros auxilios

Ordenando fotos, encontrei este álbum, do día que veu á nosa clase Manola, a nai de Sabela.
https://goo.gl/photos/76mCN78ZoiTc3Ctn7

Manola e Bautista organizaron un obradoiro sobre Primeiros Auxilios. Estiveron ensaiando con dous grupos de nenos e nenas unhas pequenas representacións relacionadas co tema, que xa levábamos algún tempo traballando, pois xa viñera Bautista en máis dunha ocasión falar del.
Foi unha iniciativa bonita e moi colaborativa, xa que os dous grupos reuníronse varias tardes nas súas respectivas casas para aprender os textos e ensaiar a representación.
Din que a porcentaxe do que recordamos, depende da maneira en que o aprendemos. Ao parecer, recordamos o 10% do que lemos, o 30% do que vemos, o 50% do que vemos e escoitamos, o 70% do que dicimos, o 90% do que dicimos e facemos.
 Parece claro, logo, que non van esquecer facilmente o traballado con Manola e Bautista...
 Non podo máis que agradecer a dispoñibilidade das familias desta titoría para participar, colaborar, achegar ideas e traballo. Así dá gusto!!!

jueves, 9 de junio de 2016

De paseo por Aguiño

Este mércores xuntámonos 1º A e 1º B e, aproveitando que o tempo acompañaba, fomos de paseo por Aguiño.
https://goo.gl/photos/CPryGe236F8g9uYH7

Estamos estudando a rúa e os sinais de tráfico, e pensamos que a mellor maneira de entender a súa utilidade era véndoos na propia rúa, e fixándonos onde e para que están.
De paso, aproveitamos para fixarnos nas cousas máis importantes de Aguiño, como a Lonxa, o estaleiro ou a Casa do Mar. Tamén vimos algunhas esculturas, nas que se homenaxean as principais profesións da nosa vila.
Observamos o nome das rúas, e vimos que algunhas teñen nomes de persoas e outras de lugares, animais, cousas... Por que lles poñerían eses nomes? Imos investigar!
Por suposto, aproveitamos para pasar un bo anaco no lugar máis importante de Aguiño...polo menos para alguén da nosa idade!!
Acertaches: o parque!

lunes, 6 de junio de 2016

Semana da diversidade

Do 29 de maio ao 3 de xuño, o noso cole encheuse de cor e movemento.
Celebramos a Semana da Diversidade, e fixémolo mesturándonos en grupos de distintas idades, e organizando obradoiros diferentes. Todos eles cheos de actividade, cor, movemento, entusiasmo.

https://goo.gl/photos/A4NoFyQG7BGT8bvR6

Déixovos as fotos do obradoiro de gimcana de xogos, no que participaron varias mamás da nosa titoría. Van tamén algunhas do noso grupo.
Gustouvos? Quen quere repetir?

Moitas grazas a tódalas mamás que nos regalaron unha parte do seu tempo, colaborando coa organización dos obradoiros!!

jueves, 26 de mayo de 2016

Obradoiro de caracois

Como ben sabedes, este ano o tema que estamos traballando desde a biblioteca do noso centro é a emigración, e  os movementos migratorios en xeral, por distintos motivos, como o exilio.
Por iso, unha das exposicións que se fixeron ao longo do curso, e que aínda está no pasillo de abaixo, é a de "Ponte nos seus zapatos", sobre as persoas refuxiadas.
https://goo.gl/photos/MERypYdawHBTwUyd6

Ao igual que as persoas refuxiadas, os caracois levan a casa ao lombo.
No obradoiro do martes pasado, quixemos mandarlles o noso abrazo multicolor en forma de caracois a todas esas persoas que tanto están sufrindo, fóra do seu fogar e do seu país, expulsadas por unha guerra que parece que non acaba máis.
Moitas grazas a tódalas familias pola vosa colaboración, tanto traendo material para os traballos, como participando nos obradoiros no voso tempo de lecer.