Mostrando entradas con la etiqueta ciencias. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ciencias. Mostrar todas las entradas

miércoles, 15 de junio de 2016

Experimento de flotación

No recanto de ciencias, estivemos estes días facendo un experimento sobre flotación.
Queres probar na casa? Para facer o experimento precisas:
  •  Dous ovos.
  • Sal gordo.
  • Dous vasos (nós usamos dous vasos ben grandes, para que nos fose máis fácil introducir os ovos sen que rompesen).
  • Un recipiente para medir a auga.
  • Unha culler.
O que fixemos foi encher os dous vasos ata un pouco máis da metade (300 cl). Logo, nun dos vasos puxemos tres culleradas de sal ben cheas, e remexemos ata que se disolveu ben.
Ao meter os ovos...sorpresa!! Nun dos vasos flotaba, e no outro ía para o fondo.

https://goo.gl/photos/oZgk8SgQc32UozaNA

Por que pasa iso?
Ao botar sal, aumenta a densidade da auga, o que fai que os corpos que se poñen sobre ela floten mellor.
É por iso que flotamos mellor na auga do mar que no río.
E falando diso...xa vai apetecendo un bañiño na praia! Non?

martes, 24 de mayo de 2016

Un volcán en erupción

A última semana no recanto de ciencias, fixemos unha simulación da erupción dun volcán.
Primeiro, fixemos con pasta de modelar unha montaña cun furado no medio, como un volcán.
No furado, metemos bicarbonato, un pouco de xabón líquido, pintura (para darlle un pouco de cor á "lava") e vinagre. E, ao botar o vinagre...entraba en erupción!

https://goo.gl/photos/gMDoxVqGafg5L4Nt9

A profe deixounos no recanto de ciencias o material e unha folla coas instrucións para facelo.
Na folla explicaba tamén que esa erupción producíase ao entrar en contacto o vinagre (que é un ácido) co sodio do bicarbonato (que é unha base). Entón prodúcese unha reacción química que libera gas. As burbullas dese gas expándense, precisando máis espazo, e saen por fóra.
En realidade, os volcáns funcionan dun xeito moi diferente.
Podedes ver aquí como é.  

sábado, 7 de mayo de 2016

Sementes

Como é o proceso de xerminación dunha semente?
Algo tan fascinante ocorre normalmente oculto á nosa vista. Pero buscámoslle o xeito para que non se agochase!
Decidimos copiar unha idea que vimos en internet, e usar as caixas transparentes de CDs como pequenos invernadoiros.
É doado: bótase un pouco de terra dentro do CD, humedécese, póñense alí as sementes...e xa só hai que agardar, e coller a lupa para velo con máis claridade.
https://goo.gl/photos/GTbmeg8uT9wM9sod9

É un sistema sinxelo, e que nos permite ver perfectamente como vai saíndo e medrando cada unha das partes da planta a partir da semente.
Estivemos facendo este traballo durante os últimos días no recanto de Ciencias. Encantounos!

miércoles, 4 de mayo de 2016

Millo

Hai xa algún tempo, Álvaro trouxo a clase unhas mazarocas de millo. Quería que aprendésemos cousas sobre o millo, e que o plantásemos.
Como non era tempo de facelo, deixámolo para máis adiante.
Hai cousa de dúas semanas, retomamos a idea. Pero non cun millo calquera: con millo de facer "palomitas".
Primeiro plantámolo dentro, en macetas. Día a día, fomos observando como as plantas nacían e ían medrando. Agora que se puxeron un pouco grandes, transplantámolas fóra.
https://goo.gl/photos/gz3mzWSvfth1xXnA6

Xa sabemos que temos que regalas de cando en vez, e abonar un pouco a terra. Tamén nos dixeron que o vento favorece a polinización.
Medrarán?
Poderemos comer "palomitas" feitas por nós?