jueves, 15 de diciembre de 2016

A longa liña da vida

Agora que sabemos un pouco de como foron aparecendo os distintos seres vivos sobre o noso planeta, a profe Irene invitounos a unha nova sesión sobre o tema.
Esta vez non tivemos plantas, nin corais, nin insectos, nin dinosauros, nin mamíferos...só unha cinta negra. Moi, moi longa. Medía máis de 40 metros!
https://goo.gl/photos/TXTo8qzqdZZUrd5B9

Estiramos a liña, e estivemos xogando a situarnos no lugar da mesma onde creíamos que se tiñan producido os distintos eventos: o Big Bang, a aparición das primeiras bacterias, das plantas, dos peixes...
E sabedes que?? Certamos case sempre! Situámonos moi ben.
Ao final Irene pediunos que nos situásemos onde nos parecía que apareceran os seres humanos sobre a Terra. E fomos sen dubidalo cara o final da cinta.
Ela explicounos que o tempo que leva a nosa especie sobre a Terra sería só o último centímetro. Case nada, comparado con todo o tempo desde que se produciu o Big Bang.
Logo, estivemos reflexionando sobre a nosa responsabilidade de coidar o planeta e a vida que hai sobre el. Nós, que temos a sorte de ter un cerebro bastante evolucionado, que somos quen de pensar e ver as consecuencias dos nosos actos, temos tamén a obriga de coidar todo o que nos rodea.
Procuraremos facelo!

domingo, 11 de diciembre de 2016

De onde vén todo? (2)

Cando unha historia queda a medias, estamos impacientes por saber como continuará.
Iso nos pasaba con respecto ao que nos contara Irene, acerca da orixe das cousas.
Así que a semana pasada volvemos a ter unha sesión con ela, para que seguise contándonos a historia de como se orixinou a vida no noso planeta, e como foron aparecendo as distintas especies.


https://goo.gl/photos/RyXBq8vPV3rCZzms9

Despois da explicación, estivemos xogando co material. Que escoitando apréndese, pero tocando apréndese aínda máis.
Irene deixounos no corredor todas as tarxetas explicativas e as caixas dos seres vivos aparecidos nos distintos períodos da historia do noso planeta. Así, podemos saír de cando en vez alí, e volver a traballar sobre o tema.
Grazas de novo, Irene!

viernes, 25 de noviembre de 2016

De onde vén todo?

A semana pasada, estivemos escollendo un tema para empezar un novo proxecto.
As propostas que había eran: que cousas rompen a capa de ozono, como se fan os ladrillos, a Prehistoria, a auga, os animais, os músculos do noso corpo.
Despois de votar, saíu escollido o tema da Prehistoria. Pero a verdade é que non queremos só saber cousas sobre as persoas da Prehistoria.
Sobre todo, sobre todo, queremos saber de onde vén todo. De onde veñen as persoas, e o planeta Terra, e o Sol, e a auga, e...todo!
Sabemos que desde as distintas relixións e culturas hai propostas para explicar esa incógnita. Pero no cole estamos para aprender explicacións científicas, así que imos investigar sobre iso.
A profe Irene, que ten unha aula chea de cousas de Ciencias, ofreceuse a axudarnos. Así que fomos á súa clase, para que nos contase o que ela sabe acerca do orixe das cousas.
Así, entre explicacións e experimentos, falounos da Gran Explosión (Big Bang) e da aparición das estrelas. Que son tantas, que perderíamos a conta se quixésemos contalas, como nos pasa cando intentamos contar a area que cae nunha cunca.
Tamén nos falou do Sistema Solar, e de como se formou o planeta Terra. Soubemos que ao principio estaba moi quente e moi seco, e o seu interior estaba tan pero tan quente, que acabou por botar materia para fóra, por medio de numerosos volcáns. E aproveitamos para facer de novo o experimento dos volcáns, que tanto nos gustara o curso pasado.
https://goo.gl/photos/iWRuSzX6GcR5V6XR6

Vimos a diferencia entre corpos sólidos, líquidos e gaseosos. 
Fixémonos un montón de preguntas: "O Sol apágase de noite?", "De onde saen os raios do Sol?" "Como se aguantan os planetas no espacio?"
E aí nos quedamos, agardando que o vindeiro día que vaiamos á súa clase nos explique como en ese planeta chamado Terra apareceron os primeiros seres vivos.
Vós que pensades?
Eu penso que toca investigar un montón!

jueves, 24 de noviembre de 2016

Rompendo cremalleiras: música contra o ruído do silencio

Esta temporada estamos, como sabedes, levando a cabo distintas accións no cole para visibilizar o problema da violencia machista.
Este ano escolleuse como elemento simbólico a cremalleira. A cremalleira simboliza o silencio que tantas veces hai arredor da violencia.

https://goo.gl/photos/qHJ54oPDFqHxePvm6
Este marabilloso concerto que tivo lugar o martes, a cargo de Michelle, a irmá de Yamila e Iron, quere ser música que rompa esas cremalleiras.
Música contra o enxordecedor ruído do silencio.
Grazas, Michelle, polo regalo que nos fixeches coa túa música.

miércoles, 23 de noviembre de 2016

Compartindo saberes

De todas as cousas boas que ten saber algo, unha das mellores é poder compartilo con outras persoas.
Por iso, agora que xa sabemos moi ben como se fai o biscoito de chocolate, decidimos compartilo co grupo de 4º B.
Fomos á súa clase, e fixemos...non un! senón dous biscoitos.
https://goo.gl/photos/6cUhZhgfj751uAkS8

Alí fomos, por un día, profes de cociña. 
Claro que saíron ben! Dubidábalo?

domingo, 13 de noviembre de 2016

Taumatropo

 Sabedes o que é un taumatropo? Que palabro, verdade?
Pois é un xoguete formado por un disco con dúas imaxes diferentes en cada lado.
Para xirar o disco, pódese utilizar un anaco de corda amarrado a cada extremo, ou un pau fino e longo (como os das brochetas).
Ao xiralo rapidamente, produce a impresión óptica de que ambas imaxes están xuntas.
Así, se debuxas unha gaiola por un lado e un paxaro no outro, ao xirar ves o paxaro metido na gaiola. Isto é porque cada imaxe permanece na retina durante un breve lapso de tempo, e ao aparecer a outra de xeito inmediato, superpóñense.
O invento do taumatropo atribúese a John Ayrton.
Aquí vos queda unha imaxe que pode servir para facer un taumatropo, por se vos animades a repetilo na casa.
https://goo.gl/photos/5NgKckEou9uCzZJS8

Pinchade nela, e veredes fotos de cando nós o intentamos na clase.


viernes, 11 de noviembre de 2016

Experimento sobre a conservación dos alimentos

Despois dalgún tempo traballando na cociña e sobre o tema dos alimentos, hai unha pregunta que nos ronda a cabeza: canto tempo se conservan os alimentos? Que pasa se os deixamos fóra da neveira, sen utilizar ningunha técnica de conservación?
Para comprobalo, realizamos un experimento. Collemos varios alimentos: iogur, queixo, un anaco de mazá, un anaco de tomate, un anaco de pan, e garavanzos.
Antes de nada, fixemos as nosas hipóteses sobre o que pasaría con cada un deles. Podrecerían? Que aspecto collerían? Aparecerían bichos? Poñeríanse negros? Ulirían mal? Secarían? Cadaquén fixo as súas propostas e escolleu o que lle parecía que pasaría con cada alimento.
https://goo.gl/photos/zQnqp9Xfj1yNbHbE7

Logo, nas seguintes dúas semanas, fomos comprobando e anotando no noso cadro de observacións.
O tomate, enseguida empezou a coller mal aspecto: púxose moi brando, encheuse de líquido, colleu manchas negras, e un cheiro nauseabundo. Tivemos que tiralo! O iogur encheuse de mofo, así que aproveitamos para ver unha curta sobre o que era o mofo e como se reproducía. A mazá e o queixo tardaron bastante máis en estragarse. O pan púxose duro coma un croio. E os garavanzos quedaron intactos!
Por que? A profe explicounos que era porque foran sometidos a un proceso de secado. Cando os alimentos están ben secos, consérvanse moito mellor, xa que o mofo, para aparecer e reproducirse, precisa ter humidade e unha temperatura tirando a quente.
Aproveitamos para falar sobre métodos para conservar os alimentos.
Xa sabemos que, canto máis secos e con temperatura fresca, mellor!